A Xunta de Galicia fai pública a convocatoria para dotar de persoal a Delegación de Buenos Aires, mediante a orde do 28 de novembro de 2007 pola que se inicia o proceso selectivo para acceder a cinco postos de traballo na primeira representación institucional da Administración autonómica no exterior.
Segundo o Decreto 157/2007, de 26 de xullo, polo que se crea Delegación da Xunta en Buenos Aires e se establecen a súa estrutura orgánica e funcións, e coa finalidade de dotar a este centro do persoal necesario para o seu funcionamento, hoxe comeza a selección para cubrir as prazas vacantes contempladas no catálogo de postos de traballo.
Este catálogo prevé que ademais da Delegada, nomeada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do Conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por iniciativa do secretario xeral de Relacións Exteriores; e do Secretario da Delegación, funcionario da Administración autonómica, existan un coordinador de área da cidadanía galega, un director de comunicación, un secretario de dirección, un asistente social e un auxiliar administrativo.
Estas cinco prazas de persoal laboral serán cubertos mediante un proceso selectivo polo sistema de acceso libre e para a contratación por tempo indeterminado e sometido á normativa laboral arxentina.
Bases e requisitos da convocatoria
Os interesados poden consultar as bases da convocatoria no taboleiro de anuncios da Delegación da Xunta de Galicia en Buenos Aires (25 de maio 555, planta baixa) ou no seguinte enderezo electrónico www.galiciaaberta.com.
O proceso de selección do persoal desenvolverase en Arxentina e será requisito necesario para a sinatura do contrato que o candidato seleccionado teña residencia habitual neste país ou cumpra cos requirimentos esixidos pola normativa laboral local para subscribir un contrato laboral de duración indeterminada e prestar servizos en Arxentina, posto que os contratos celebraranse conforme á lexislación laboral arxentina.
Así mesmo, os aspirantes deberán cumprir cos requisitos de formación e capacidades específicas marcados para cada caso concreto e non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera Administración Pública nin atoparse inhabilitado para o desempeño das funcións públicas.
Todos os aspirantes deberán superar as dúas fases do proceso selectivo, nas que deberá quedar patente a súa formación específica na área na que se van desempeñar profesionalmente e o seu coñecemento da lingua galega.
Os candidatos deberán dirixir a súas solicitudes á Delegación da Xunta de Galicia en Buenos Aires entre o día 10 e o día 21 de decembro deste ano en horario de 09,00 a 14,00 horas. A presentación da solicitude realizarase segundo o modelo establecido e acompañada por fotocopia do DNI ou pasaporte en vigor, curriculum vitae do candidato e documentos que xustifiquen os méritos que se aleguen.
Bajo el título Voluntarios de Argentina en la Guerra Civil Española se presentó un libro en el Museo de la Emigración Gallega en Buenos Aires en el que se recogen historias de voluntarios que se enrolaron en el ejército republicano y en las brigadas internacionales durante la contienda española.

