Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O máximo mandatario autonómico, Emilio Pérez Touriño, salientou que o picosatélite Xatcobeo Cubesat, cuxo lanzamento está previsto para finais de 2009 na Guayana Francesa, vai situar Galicia na vangarda das comunicacións por satélite, permitindo, ao mesmo tempo, mellorar a capacidade de resposta en situacións de emerxencia. Así o asegurou no acto de presentación deste proxecto, no que participan o operador público galego Retegal, a Universidade de Vigo (responsable da iniciativa), o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial INTA, dependente do Ministerio de Defensa, o Ministerio de Ciencia e Innovación e a Axencia Espacial Europea.
Na súa intervención, o presidente da Xunta manifestou a súa satisfacción porque a Axencia Espacial Europea teña elixido este proxecto galego para participar no voo inaugural da lanzadeira Vega e explicou que durante preto dun ano, este pequeno satélite “orbitará o noso planeta máis de 5.000 veces”.
Segundo explicou Pérez Touriño, o Xacotbeo será o único picosatélite español que faga esta viaxe e o primeiro de estándar Cubesat promovido por unha universidade española. “Este proxecto converte á Universidade de Vigo nun dos centros europeos que lideran o desenvolvemento do picosatélites, xunto a outras prestixiosas universidades como a de Roma, en Italia; o Politécnico Federal de Lausanne, en Suíza; ou a Universidade de Liexa, en Bélxica”, aseverou.
O máximo mandatario galego remarcou, ademais, que a iniciativa presentada hoxe axudará a potenciar as empresas de telecomunicacións en Galicia e permitirá iniciar o camiño para, “nun futuro próximo”, dixo, desenvolver proxectos de satélites comerciais con aplicacións específicas no noso país.
Dúas razóns “fundamentais” para o compromiso do Goberno galego
“Pero existen dúas razóns fundamentais polas que o Goberno que presido se comprometeu, a través do operador público Retegal, no desenvolvemento deste proxecto”, sinalou Pérez Touriño. Así, explicou que a primeira delas garda relación directa “co noso convencemento de que a educación e a innovación son as pezas fundamentais para ampliar a nosa dotación de capital humano, principal activo –sinalou-, co que contan as sociedades modernas para garantir o progreso e o futuro”.
Deste xeito, o desenvolvemento desta iniciativa vai permitir que un grupo de estudantes universitarios galegos traballen a carón dos técnicos da Axencia Espacial Europea e do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial para acadar experiencia práctica no deseño dun satélite de comunicacións, no desenvolvemento dos procesos necesarios para poñer o satélite en órbita e, finalmente, no control e seguimento dese satélite.
“Como consecuencia –asegurou Touriño-, imos dar un paso adiante na formación dunha nova fornada de investigadores e de técnicos que situarán Galicia na vangarda das comunicacións por satélite”, porque, engadiu, a comunidade galega non pode ser “un mero espectador nin un mero cliente dos grandes consorcios”.
Na mesma liña indicou que, pola particular configuración orográfica, a tecnoloxía de satélites vai desempeñar no futuro “un papel moi relevante en Galicia”. “Será a garantía de que todos e cada un dos nosos cidadáns, o cen por cento da nosa poboación poida acceder en igualdade de oportunidades a servizos como a televisión, a banda ampla ou as comunicacións en mobilidade”, explicou o presidente galego. Ademais, remarcou que vai permitir mellorar “a nosa capacidade de resposta, en tempos a cada paso máis reducidos, a situacións de urxencias médicas, crises medioambientais ou problemas de seguridade cidadá”. “Esta é a segunda razón que nos moveu a apostar por este proxecto, un proxecto que ilustra o grande interese estratéxico que ten para Galicia dispor das mellores e máis eficaces ferramentas de decisións cando se produce unha emerxencia”, afirmou Pérez Touriño. Así mesmo, o presidente galego incidiu no “extenso campo práctico” que abre esta investigación en temas como o control de incendios, a predición meteorolóxica, a detección de bancos de pesca ou o deseño de redes de vixilancia medioambiental e ecolóxica.
Na súa intervención o máximo mandatario galego lembrou que o proxecto do satélite responde ao interese expresado en diferentes foros e a diferentes niveis: está entre as recomendacións do Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia e do propio Ministerio de Industria, que vén de poñer sobre a mesa unha proposta baseada en satélites para garantir a cobertura integral da televisión dixital.
“O ditame dos investigadores e dos técnicos reforzan a nosa convición de que, nesta materia, Galicia non pode ser senón axente activo, con iniciativa propia, nun eido que está a transformar a natureza das relacións sociais e convertendo o planeta azul nunha aldea global”, aseverou Touriño remarcando o apoio do Goberno galego a esta iniciativa a través do operador público de telecomunicacións Retegal S.A.
O xefe do Executivo autonómico explicou que Retegal é o operador “de referencia en Galicia para a difusión de sinais de televisión analóxicas e dixitais, e para servizos de datos institucionais”, un operador que ten como principal obxectivo “proporcionar unha rede de infraestruturas de telecomunicación total, segura e eficiente, que se traduza de inmediato en beneficios reais para todos os cidadáns de Galicia, estean onde estean e vivan onde vivan”, indicou.
Na mesma liña, lembrou que Retegal impulsa e participa directamente no financiamento deste proxecto, xunto coa Universidade de Vigo e o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, “co propósito de cumprir o seu compromiso de servizo a Galicia”. “Porén –engadiu-, o concepto CubeSat permitirá á universidade de Vigo participar, baixo a supervisión do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, nun proxecto satelital real cun custo axustado e un tempo de desenvolvemento relativamente curto”, concluíu o máximo mandatario galego ao respecto.
Por último, o presidente da Xunta expresou os seus parabéns á Universidade de Vigo, “alma do proxecto”, e aos seus investigadores e estudantes, felicitacións que fixo extensibles ao Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, aos ministerios de Defensa e de Ciencia e Innovación e aos responsables de Retegal, “por acoller e apoiar esta iniciativa”, así como á Axencia Espacial Europea por brindarlle a Galicia esta “suxestiva oportunidade”, aseverou.
Con la intención de que la futura normativa se adapte a las "necesidades" del sector e incluya "alternativas viables" para paliar las consecuencias de la actual situación de crisis económica, el PPdeG enmienda la Ley de Turismo en su totalidad. Denuncia que el texto legislativo propuesto por la Xunta no tiene en cuenta elementos "imprescindibles para la consolidación de Galicia como destino turístico".
El XIII Festival de Cine de Ourense levanta el telón con una gala inaugural que supondrá el arranque para la proyección de 300 filmes y la celebración de actividades centralizadas este año en el Auditorio Municipal de la capital de As Burgas hasta el 18 de octubre.

