A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada polo seu equipo directivo, presentou na Comisión 3ª de Economía do Parlamento de Galicia o orzamento xeral do seu departamento para o ano 2009. A partida coa que conta a Administración pesqueira galega para levar a cabo as actividades programadas para o vindeiro exercicio ascende a un total de 206.770.868 euros. Isto supón un descenso do 11,7 por cento, con respecto a este ano, e débese á contención do gasto corrente, en coherencia coa política económica despregada polo Goberno galego. Gallego Calvar explicou Gallego Calvar, non suporá unha merma na realización de obras públicas e nas medidas de carácter social comprometidas.
Para dar comezo á súa intervención na Comisión, a responsable de Pesca
explicou que o seu departamento, dadas as circunstancias especiais que
teñen que ver co momento temporal da elaboración deste departamento, foi cauto na súa orzamentación para o ano 2009. Aínda así, poderá contar cun colchón de máis de 167 millóns de euros para as medidas contempladas no Fondo Europeo da Pesca, modificadas este verán pola Unión Europea ante a situación de dificultade na que se atopaba o sector pesqueiro por mor da alza do prezo do combustible. Estas actuacións teñen que ver coa adaptación da frota, en concreto, a paralización definitiva ou as paralizacións temporais da actividade pesqueira. Neste sentido, a Conselleira deixou claro que o seu departamento considera a adaptación para casos moi xustificados, pero manifestou non estar de acordo co desguace masivo que obrigaría á perda de empresas e de capacidade de pesca.
A titular de Pesca sinalou que os principais vectores sobre os que se basa o gasto da Consellería para o vindeiro ano 2009 recaen sobre manter os investimentos de carácter social, tamén os de carácter público, e cumprir con todos os compromisos adquiridos polo Goberno galego.
Investimento público
Carmen Gallego enumerou algúns dos investimentos portuarios que a
Consellería de Pesca levará a cabo no próximo exercicio e que contarán
para a súa execución con máis de nove millóns de euros. Así, destacou a
construción da nova lonxa de Cangas, cuxo proxecto se presentará mañá
mesmo, e para o que se prevé un gasto de 1.750.000 euros; a execución dun novo edificio multiusos para as mariscadoras de Mugardos, que costará 190.000 euros; ou a ampliación da lonxa de Carril para o que se realizará unha achega de 150.000 euros.
Nesta liña, explicou que xa se está a construír a nave de exportadores de
Cedeira, que no 2009 contará cun investimento de 1.980.000 euros, e
anunciou que o vindeiro ano se comezará coas obras da lonxa para esta
localidade, para o que se conta cunha partida inicial de 200.000 euros.
Tamén se acondicionará a lonxa de Vilaboa e se construirá unha nave
multiusos para todos os profesionais do mar desta localidade por un
importe de 370.000 euros, e desenvolveranse melloras nas lonxas e no porto pesqueiro de Vigo por importe de medio millón de euros.
Carmen Gallego explicou que, entre outras actuacións, o vindeiro ano tamén se levarán a cabo as obras para a construción de departamentos de usuarios en Cabo de Cruz, comezarase co proxecto da nova lonxa de Ribeira, e instalarase unha fábrica de xeo en Muros. Os investimentos para estas accións serán de 500.000 euros, un millón de euros e 500.000 euros, respectivamente.
Por outra banda, Gallego Calvar fixo mención ás actuacións que prevé o seu departamento vencelladas ao investimento produtivo. Deste xeito, destacou que os investimentos a bordo dos buques o próximo exercicio serán de 15 millóns de euros, unha iniciativa que xerará traballo nos estaleiros. Así mesmo, destacou os plans estratéxicos da industria da conserva e do conxelado, que contan para 2009 con 34 millóns de euros.
Continuando coa industria, destacou que o recén aprobado Plan Galego de Acuicultura contará cun investimento de 10.800.000 euros en 2009, e sinalou que está pendente de publicarse a orde de axudas á acuicultura, que contempla o Fondo Europeo de Pesca, cun montante de máis de 54 millóns de euros.
Política de carácter social
No orzamento deste ano prodúcese unha clara consolidación das políticas
sociais iniciadas pola Consellería de Pesca e das que se benefician un
amplo número de traballadores do sector. Trátase, por exemplo, do seguro colectivo de accidentes no mar para o que en 2009 se destinarán 1.250.000 euros e que a partir de agora inclúe medidas como a repatriación, o desprazamento de familiares e o apoio psicolóxico. Tamén fixo referencia a Conselleira ao seguro do mal tempo, que incorpora novidades como a redución de días de franquía e outras variables meteorolóxicas e que será presentado o vindeiro luns ao sector. A achega para esta iniciativa, pioneira en Europa, é de 1.783.500 euros. Por último, Carmen Gallego tamén fixo referencia neste apartado ao mantemento da liña de axudas ás mariscadoras dentro do plan de pensións, cuxo obxectivo é que estas profesionais poidan disfrutar dunha xubilación digna. A esta acción de carácter social Pesca destina dous millóns de euros.
O gasto para 2009 de Pesca tamén contempla o desenvolvemento do Eixo prioritario nº4 do FEP, que ten como propósito potenciar as zonas do
litoral, a través dos Grupos de Acción Costeira (GAC´s). Nesta liña
enmárcase a creación da Axencia Galega de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca, recollida no actual proxecto de Lei de Pesca e que se porá en marcha tras a aprobación do texto normativo polo Parlamento de Galicia.
Esta Axencia, a través da que se coordinarán as actuacións dos GAC´s,
contará cun investimento inicial de 756.016 euros. Pola súa banda, o
orzamento de 2009 destina 5,7 millóns de euros para os Grupos de Acción Costeira dun total de 40 millóns para o período 2007-2013.
Outras das iniciativas de Pesca que terán continuidade no 2009 é a
creación de Reservas Mariñas Protexidas. O obxectivo é manter as dotacións destinadas a implementar este modelo de xestión, baseado no respecto ao medio ambiente, no desenvolvemento sustentable e no principio de corresponsabilidade sector-administración na explotación dos recursos.
Así, crearanse novas áreas de protección mariña noutros puntos do litoral
galego, como a que se porá en marcha en breve en augas interiores en
Cedeira. A Conselleira tamén explicou que se está a traballar noutros
proxectos semellantes na Ría de Viveiro, en augas exteriores de Cedeira e na localidade de Aguiño. Así mesmo, confrarías como as de Camelle e Sada xa teñen presentado proxectos neste eido. Para estas actuacións, o
departamento de Pesca conta cun orzamento de máis dun millón de euros.
No tocante ao Plan de Repoboación de Especies Mariñas no Litoral Galego, Carmen Gallego anunciou un investimento de 210.000 euros e a solta de 15.000 exemplares máis de rodaballo e lumbrigante nas nosas costas. Por outra banda, garantiu o mantemento das accións levadas a cabo pola Consellería en forma de plan de traballo individualizado para cada ría ou banco marisqueiro afectado pola clasificación das súas zonas de produción como “C”. Esta situación, derivada de anos de deixadez en canto á depuración das rías, conlevará un investimento de máis de 16 millóns de euros.
Un apartado especial mereceu a política de mercados e promoción dos
produtos pesqueiros. Neste ámbito, a Conselleira destacou dous logros como a consecución da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia e a creación da marca de calidade “pescadeRías, de onde se non?”. Estes distintivos, tal e como explicou, teñen moito camiño que percorrer para asentar a súa imaxe e por iso o orzamento de 2009 prevé investimentos en campañas de divulgación. Pesca tamén continuará o seu traballo na promoción de consumo de peixe entre a poboación xuvenil, tal e como vén desenvolvendo ata o de agora. En total, para todas estas accións o departamento de Pesca achegará o vindeiro ano máis de 5,7 millóns de euros.
Política formativa
Galicia é a Comunidade Autónoma de todo o Estado que conta cun maior
número de centros de formación en materia náutico-pesqueira, con centros propios, públicos e privados, e centros doutras administracións ubicados na nosa rexión. Ademais, conta con tres universidades que continuamente desenvolven accións de investigación que, directa o indirectamente, teñen a súa aplicación práctica no traballo e no coñecemento do medio mariño.
Nesta liña, no apartado de política formativa destacan varias accións de
especial transcendencia para o sector do mar galego. Por unha parte, o
Plan de Formación Integral Marítimo-Pesqueira que definiu un mapa das
distintas escolas dependentes da Consellería e adaptou a súa oferta ás
necesidades formativas do sector, apostando por unha docencia de alta
calidade e unha especialización dos profesionais que permitirán manter
plenamente activas as profesións do mar. Nesta materia, para a aplicación das actuación que contempla o plan, o orzamento para 2009 achegará un total de 2.832.000 euros.
Por outra banda, e dentro da aposta da Consellería de Pesca pola
investigación, Carmen Gallego destacou dúas importantes iniciativas: o
proxecto de investigación sobre os episodios tóxicos de orixe
fitoplanctónico nos moluscos bivalvos, incluído no Plan Galego de I+D+I, e un estudo sobre a recirculación da auga nos cultivos mariños. Esta última iniciativa ten como obxectivo a busca da máxima eficiencia enerxética na actividade acuícola, no que ten que ver concretamente co aforro de auga.
Neste eido, a Conselleira puxo de manifesto o importante incremento da
achega do seu departamento para a investigación aplicada que ascende a 6,4 millóns de euros.
Salvamento
No tocante á seguridade no mar, anunciou a próxima publicación dun
concurso público para mercar un terceiro helicóptero de salvamento para
Galicia e a construción dun heliporto en Cee, onde terá a súa base
operativa. Dentro das melloras neste eido, a Conselleira destacou, así
mesmo, a nova tripulación do Pesca 1, con base en Vigo, que garantirá un tempo de resposta de 10 minutos. O orzamento previsto para estas medidas é de arredor de seis millóns de euros.
Relacionado con isto, a titular de Pesca sinalou que, gracias á aplicación
do Plan Nacional de Salvamento (PNS) en Galicia, a nosa comunidade conta na actualidade con 5.000 metros cúbicos de capacidade de recollida de hidrocarburos, fronte aos 80 que tiña en 2004. Nesta liña, lembrou que o Goberno central substituirá ao longo de 2009 o helicóptero de Sasemar con base na Coruña, dando cumprimento deste xeito ao PNS para Galicia 2006-2009.
Con respecto á vixilancia, Carmen Gallego explicou que os gastos derivados da inspección pesqueira, así como do financiamento dos vixilantes das confrarías de pescadores, implican para 2009 unha partida de 16 millóns euros.
A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos finalizou a súa intervención no Parlamento de Galicia facendo fincapé en que os orzamentos para 2009 buscan protexer aos máis febles en tempos de crise e incentivar a obra pública e os investimentos na industria.
Las cuatro provincias gallegas celebran la festividad de Reyes. Melchor, Gaspar y Baltasar, gracias a su "mágico talento", visitaron simultáneamente los pueblos y las ciudades de A Coruña, Ourense, Lugo y Pontevedra, repartiendo ilusión, caramelos y regalos entre los niños.
Lolita, Pitingo -con su espectáculo Soulería- o Niña Pastori son algunos de los artistas que actuarán este año en A Coruña dentro de la programación cultural que ofertará Caixa Galicia en el Teatro Colón. Esta programación incluirá desde música y danza hasta un ciclo de zarzuelas, teatro, cine infantil y el espectáculo El Libro de la Selva.

