Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión pseudónimo

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Novembro

jueves, 06 de noviembre de 2008
Novembro é tamén chamado o mes de Santos, ou San Martiño. Comeza con importantes feiras en Betanzos (que este mes celebra tres ao adiantarse tradicionalmente para o 30 a do primeiro) e Monterroso ("Ai, se viras o que eu vin, na feira de Monterroso, vintecinco xastres xuntos a cabalo dun raposo"), onde adoitaban aprovistarse os cazadores. Feiras nas que a castaña é a raíña. E tamén as noces, que agardemos non sexan tan ruíns como as do ano pasado.

Logo do día de Santos ven o de Difuntos. Son días de lembranza dos devanceiros, parentes e amigos desaparecidos, e de visitas rituais aos cemiterios. O 11 é o San Martiño. Celébrase especialmente en terras ourensáns, onde hai moitas vilas que o teñen por patrón, incluída a propia capital, a vella Auria. Na Galicia tende a confundirse o San Martiño de Tours (que é o propio do día), representado a cabalo e entregando a capa a un pobre, co san Martiño Dumiense, evanxelizador da Gallaecia do tempo dos suevos e, polo tanto, máis noso.

O poeta ourensán Antón Tovar non podía deixar de cantar este día:
Ai!, San Martiño,
No día dos magostos,
Cando a castaña estoura
E canta o viño,
I o fume na paisaxe
É sempre a capa
Do San Martiño.

Tempo de castañas e magostos e tamén de xogos estacionais que xa case son lembranza: "Polo San Martiño, trompos ao camiño". Agardemos que non fallen días soleados, pois "O veranciño de San Martiño, ou grande ou pequeniño". O refraneiro popular aconsella: "Despois do San Martiño, deixa a auga e bebe viño", máis pode ser preferible agardar un pouco a que refaga coas xeadas que ainda han vir.

Polo 22 Santa Cecilia ou Cía é padroeira de musicos e agrupacións musicais, cristianizando o padroado da musa Euterpe. A santa é romana mais, sen sair de Galicia, temos por Zas unha parroquia nomeada Santa Cía de Roma. Curiosidades que se dan na nosa toponímia.

O San Andrés ten o seu día propio o 30, pechando o mes: "Bendito mes que empeza con Santos e remata con San Andrés". Mais en Teixido é frecuentado xa nos días de setembro. O San Andrés do Cabo de Lonxe, na serra da Capelada, é a principal romaría dos galegos, á que "vai de morto o que non foi de vivo", moi vencellada co culto á morte e co solpor dos fisterres.

O outono avanza. No calendario litúrxico comeza o ciclo do Advento. Enfrían os días que poden vir con chuvias ou xeadas. Xa avisa o refraneiro: "Dende Santos a Nadal é inverno natural". Iso se o veranciño do san Martiño non se prolonga, que poidera ser.


Nota: Deseño de Manuel Torres.
Torres Regueiro, Xesús
Torres Regueiro, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


AGENDA
Agenda de Galicia Digital
BUSCADOR


Editorial

Difícil papeleta en Fene: Todos sabemos que as administracións, eminentemente ordenancistas, teñen unh...
  • Agenda de actos.
  • Teléfonos de interés.
  • Crea tu agenda.
PATROCINIO
Diputación de Lugo
Diputación de Ourense
PUBLICIDAD
WEBS DE GALICIA
Promoción Webs
FOTOGRAFÍA
Certame Muralla
PUBLICIDAD
Deputación de Lugo
PUBLICIDAD
Rueda Rueda
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones
Publicaciones
Ranking Alexa
ALEXA
Para navegar más eficazmente:
Alexa
más información